miércoles, 29 de febrero de 2012

SALÓN DO LIBRO 2012


Un ano máis, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas para achegarnos aos contos, ás historias, aos libros e á aventura de ler. Esta vez o tema das Supersticións é o fío conductor de todas as actividades que propoñen. O noso cole foi convidado un ano máis a participar e xa podedes ver os resultados de todo o traballiño que nos custou montar a maqueta e os libros en: Salón do libro: traballo rematado!

Os libros de cada aula e especialidade irémolos engadindo e podedes velos aquí:

O tema que eliximos na nosa aula para o libro foi: A noite de San Xoán. As lendas, refráns, tradicións, poemas, crenzas, supersticións...desta noite meiga as traballaremos máis polo miúdo no terceiro trimestre. Pero xa temos preparado o noso libriño personalizado. Non podedes imaxinar o traballiño que nos levou e canto tivemos que escribir!! Pero mereceu a pena. Aquí vos deixamos o resultado. Agardamos que vos guste.






























PICASSO NACEU EN MÁLAGA E EU EN...




Cando coñecimos a Picasso, nun libro limos que nacera o 25 de outubro de 1881 e que ese era o día do seu cumple. Como a nós iso de cumplir anos, de soprar velas e de festas gústanos moito, estivemos mirando que día era o cumple de cada un, en que mes e en que ano nacéramos e fixemos un mural na parede con todos eses datos.

Hoxe, falando de que Picasso nacera en Málaga, ao pensar onde nacéramos cada un, non o tíñamos nada claro: eu non sei, eu nunha árbore, eu no ambulatorio e no hospital, eu na barriga da miña nai...

Como vedes, necesitamos saber cal foi o noso lugar de nacemento para seguir completando o noso mural de datos persoais. En breve vos informaremos como podedes colaborar desde a casa. 

martes, 28 de febrero de 2012

POR QUE A VENUS DE MILO NON TEN BRAZOS?

Lembrades que cando visitamos o Museo do Louvre coñecimos a VENUS DE MILO? Chamounos moito a atención que non tivera brazos e quedounos a dúbida de cal sería o motivo. Pois hoxe descubrímolo grazas a unha guía de viaxes que había na biblioteca de Leiro:



A antiquísima e famosa estatua de Venus, foi atopada no ano 1820 por un campesiño que buscaba tesouros nas ruinas dunha antiga cidade na illa de Milo, por iso lle chaman a Venus de Milo. A estatua estaba completamente rota: o corpo e as pernas en anacos grandes e unha man e un brazo en anacos pequenos. Levárona ao Louvre, en París, e alí a arranxaron. Pero cando o Louvre a restaurou non se sabía se os anacos pequenos eran orixinais, así que non llos puxeron e quedou sen brazos.

Toda esta información e moita outra sobre París, podemos atopala nesta pequena, curiosa e divertida guía, da colección Lonely Planet.

ROSALÍA NA PRENSA



A profe Ángeles de Leiro díxonos que na súa aula ían traballar coa noticia do pasado venres que falaba de Rosalía na Voz de Galicia. E nós como xa coñecíamos a esta xenial escritora e poetisa, apuntámonos tamén. O que máis nos gustou foi o debuxo de Rosalía coma se fose unha rosa e descubrir que as espiñas eran puntas de plumas, coas que ela escribía os seus poemas porque daquela non tiñan tantos aparellos de escritura coma nós: bolis, lapis, rotuladores, ceras,...

viernes, 24 de febrero de 2012

ROSALÍA DE CASTRO: 175 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO



Tal día coma hoxe, 24 de febreiro, hai 175 anos, nacía a escritora e poetisa ROSALÍA DE CASTRO. Hoxe no cole coñecemos un pouquiño da súa vida e obra grazas ao libro: ROSALÍA, escrito por Helena Villar Janeiro e ilustrado por Ánxeles Ferrer.


Léndoo soubemos que Rosalía naceu en Santiago e se criou cunhas tías coas que aprendeu a lingua galega e as cousas bonitas que nela lle cantaban. Que lle gustaba moito pasear, mirar as árbores, escoitar o vento, as campás, o moucho,...Que ía á escola e lle encantaba ler e escribir, por iso axiña soubo contar historias e facer poemas.
Logo lemos varios dos seus poemas e nestoutro libro atopamos dúas estrofiñas que nos gustaron moito.


Escribímolas entre todos, tentamos memorizalas e fixemos un mural para a nosa aula.

PINTAMOS...



ESCRIBIMOS...


PEGAMOS AS NOSAS FOTOS NO LUGAR CORRESPONDENTE SEGUNDO FÓSEMOS ROSAS OU REPOLOS...






E logo de moito traballiño, este foi o resultado:








Nunca pensou Rosalía en chegar a ter Rosiñas e Repolos tan bonitiños na súa "hortiña que quero tanto"!!

CUMPLES FEBREIRO



Último venres de febreiro e...celebración de cumples!!! Este mes cumpliron catro anos ADRIANA, LUIS e MARCOS A. e para celebralo fixéronnos unha tarta entre os tres poñendo cadansúa capa de galletas con chocolate. Non quedou nadiña e pasámolo moi ben logo xogando cos globos de cores. Aquí tedes as probas.

1ª CAPA...




2ª CAPA...




3ª CAPA...



DECORACIÓN CONXUNTA...


E A SOPRAR!!! PARABÉNS!!!




FESTA RACHADA!!!



jueves, 23 de febrero de 2012

PETIT POIS, POMMES ET...

FLEUR


Hoxe buscamos no dicionario a palabra que elixiu Adriana para aprender en francés: FLOR. E a verdade é que nos sorprendeu porque á hora de escribilas, a palabra en galego: FLOR e a palabra en francés: FLEUR, tiñan tantas letras en común que nos parecían iguais!!

O ARCO DO TRIUNFO




Seguimos coñecendo PARÍS con Félix e hoxe chegamos ata a Praza da Estrela, onde está o ARCO DO TRIUNFO. A praza ten ese nome porque nela conflúen 12 rúas ou avenidas e vista desde arriba parece unha estrela. Aínda que algún non o tiña tan claro porque: "Non profe, unha estrela non pode ser, que as estrelas están no ceo".

Escribimos o seu nome e despois co fluorescente da profe, que ten unha punta moi curiosa e pintar con el é unha marabilla, sinalamos o Arco do Triunfo e as 12 rúas. Cando críamos que tíñamos todas marcadas, contábamos e faltaba algunha que estaba agachada. Pero ao final, conta que te contarás, apareceu a ducia enteira. Comprobádeo!!



viernes, 17 de febrero de 2012

FESTA DE ENTROIDO

E chegou o día dos disfraces, de sacar ao artista que levamos dentro e pasalo en grande cos nosos compañeiros e compañeiras do CRA. Cantamos, desfilamos polas rúas cos nosos disfraces, xogamos co paracaídas, merendamos e bailamos. Pasámolo realmente ben e o sol soliño acompañounos toda a mañá. Mesmo chegamos a ter calor e non tivemos que poñer os abrigos para saír de paseo!!
Moitas grazas ás mamás e aos avós que nos acompañaron na saída. A primeira vez que imos todos xuntos de paseo camiñando un treito un pouquiño longo toda axuda é pouca porque todo o queremos mirar, todo nos chama a atención e desviámonos da fila sen darnos conta. E tamén moitas grazas pola merendola típica de Entroido que con tanto agarimo preparáchedes para compartir. Unha vez máis un 10 para as nosas familias!!









Desfrutade moito estes días de Entroido. Vémonos o vindeiro xoves!!