miércoles, 18 de enero de 2012

RECUNCHO DE PARÍS

Grazas á colaboración das familias e de todos os nenos e nenas da escola de Ribadumia xuntamos unha chea de material e de información sobre París e a cultura francesa. Desde que chegou o primeiro album de fotos a pasada semana, cada día foron aparecendo novas sorpresas en forma de postais, billetes de avión con destino París, un plano da cidade, unha Torre Eiffel, DVDs que falan dos monumentos máis importantes, películas en francés, CDs con cancións para nenos en francés, libros con receitas típicas francesas e contos en francés coma O Principiño.















Todo nos gusta, todo queremos velo, tocalo, escoitalo...e hoxe logo de que o Inspector Gadget nos levara de paseo por París, lemos un conto francés que nos trouxo Antón e que nos deixou fascinados. A profe contouno en galego para poder entendelo mellor porque todos tíñamos que participar para que a maxia funcionara. Unha historia fantástica arredor dun círculo amarelo que nos mandaba soprar, aplaudir, tocar, virar o libro para un lado ou para outro e ao pasar cada páxina...quedábamos abraiados co resultado!! Círculos que aparecían e desaparecían, se multiplicaban, se movían, formaban un arco da vella ou un tren, se agrandaban con cada palmada ata saír do libro...e ao acabar, volvía comezar!!



Moitas grazas, familias, por compartir co cole un cachiño das vosas casas. Non sabedes con que ilusión presentan os vosos fillos aos compañeiros cada cousiña que traen. Xa quedamos en que imos coidar todo moito para que volte a casa en perfecto estado.



PICASSO NON É UN NOME, É UN APELIDO!!

Nun dos libros que atopamos sobre PICASSO, lemos algo que nos sorprendeu: o seu nome era PABLO, non PICASSO!!! A PABLO RUÍZ PICASSO gustáballe moito máis o seu segundo apelido que o seu nome, así que decidiu chamarse e que lle chamaran todos PICASSO.
E vimos que nós tamén temos un nome, un primeiro apelido e un segundo apelido. Pero a nós si que nos gusta que nos chamen polo noso nome!!

martes, 17 de enero de 2012

NA PROCURA DE PICASSO

Desde que apareceu a nova dos cadros roubados na prensa, andamos a voltas con PICASSO e hoxe decidimos buscar na biblioteca de Leiro a ver se había algún libro que falara sobre el. Como alí hai moitos libros, Zapatocas, a mascota da biblioteca, tenos todos ordeados por temas con números e cores nunha árbore. Primeiro miramos a ver que temas había e o que máis nos pareceu que tiña que ver con PICASSO era o da folliña rosa, cos números 7 e 5 e un debuxiño dun pincel e unha paleta con cores ( "porque PICASSO pinta con pincel" ): a sección de ARTE. Buscamos o andel co carteliño e...sorpresa!!! Apareceron un montón de libros onde aparecía o nome de PICASSO!!! Deunos tempo a botarlles unha ollada e a apuntar onde están colocados para as videiras semanas seguir traballando con eles e que non se nos esqueza onde hai que buscalos.









viernes, 13 de enero de 2012

LADRÓNS DE CADROS

O pasado martes, revisando a prensa, atopamos unha nova que nos chamou moito a atención.


Contaba unha historia de ladróns, pero duns ladróns moi particulares: roubaban cadros. Tres cadros que aparecían nas fotos e que os localizamos á primeira despois de ler os seus títulos pero o que máis nos deu para comentar foi "Cabeza de muller" de Picasso:
- "Tiene dos cabezas"
- "Ten catro ollos"
- " Non ten nariz"...

Durante esta semana lemos varias veces a nova e quedáronnos ganas de saber máis cousas de Picasso (tamén coñecido como "Picazo" ou "Picachu" na nosa aula): quen era, que tipos de cadros pintaba, onde vivía,... Nas vindeiras semanas seguiremos investigando, a ver que descubrimos.

miércoles, 11 de enero de 2012

A BANDEIRA DE FRANCIA


Lembrades a Félix, a lebre de peluche de Sofía? A última vez que tivemos novas dela acababa de chegar a PARÍS e estábamos aprendendo con ela onde estaba esta cidade. Hoxe volveu  traernos novidades: a bandeira de Francia e as súas cores. Comparámola coa do Reino Unido e vimos que teñen as mesmas cores pero son moi diferentes: unha ten un debuxo "de cruces con raias" e a outra ten franxas, unha de cada cor.

Aproveitando que xa coñecemos dúas bandeiras e que tiñamos o mapamundi no corcho, decidimos marcar nel as cidades polas que ía pasando Félix e grazas á profe María, que é unha artista, fixemos unhas bandeiriñas pequerrechiñas para espichar no mapa. A que quedaron moi ben?

VOLTA AO COLE




Xa levamos tres días de cole dende que acabaron as vacacións de Nadal. Voltamos a reencontrarnos con moitas ganas de xogar, de contar o que nos trouxeron os Reis e o Apalpador, de ver aos compañeiros,... A algúns estalles custando un pouquiño e fáiselles a mañá un pouco longa pero pronto colleremos outra vez o ritmo do cole.

Houbo moitos cambios dende que chegamos: acabou o ano 2011 e cambiamos ao 2012, terminou o mes de decembro e agora estamos en xaneiro, rematou o outono e chegou o inverno, unha das nosas compañeiras xa cumpríu 4 anos (este mes celebraremos os primeiros 4 anos da nosa clase!!!)...

E ademáis o Apalpador, logo de ler detidamente as nosas cartas e peticións, deixounos uns xoguetes de madeira preciosos para compartir. Moitas grazas, Apalpador!!

Con moito frío pero con moita ilusión e ganas de seguir aprendendo, comezamos o segundo trimestre do curso: BENVIDOS!!



jueves, 5 de enero de 2012

NOITE DE REIS

A ver se nos deixan moitas, moitas cousiñas, pero desas que non venden nos centros comerciais.