miércoles, 30 de noviembre de 2011

CULTURGAL




Os días 2, 3 e 4 de decembro celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra a Feira das Industrias Culturais: CULTURGAL. O acceso é libre e gratuito. Teñen un programa moi variado: teatro, danza, exposicións, obradoiros, música, contacontos, presentacións de libros e discos,...

Na páxina web podedes consultar o programa familiar con todas as actividades e horarios para poder disfrutalas cos meniños e pasar unha fin de semana divertida e diferente.

http://www.culturgal.com/index.php

QUE LEVA O APALPADOR?

Un vento toleirón levoulle ao APALPADOR a PUCHA, a CACHIMBA, a NAVALLA, o FOL e ata os ZOCOS!! Menos mal que nós lle axudamos a recuperalos!!




martes, 29 de noviembre de 2011

CASTAÑAS E XOGUETES DE MADEIRA

O Apalpador ten un fol de coiro. Aí é onde leva as castañas que vai apañando no outono, e que deixa nas mesas de noite, e os xoguetes que el mesmo fai, coa súa navalla e a mellor madeira que atopa na serra do Courel.

viernes, 25 de noviembre de 2011

MORADO, MORADO, MORADO

Acordádesvos do conto do Crocodilo verde, verde, verde que se perde e sobe nun baúl azul, azul, azul? Pois logo de subir tamén nun castelo amarelo, amarelo, amarelo e nunha pedra negra, negra, negra, subiu a un tellado morado, morado, morado. E como non tiñamos pintura de dedo morada, tivemos que facela. E descubrimos que mesturando dúas cores que si tiñamos: vermella e azul, conseguíamos a cor do tellado!!!









CUMPLES DO MES DE NOVEMBRO




Hoxe celebramos no cole o cumple de Yago. Xa ten 3 anos!! E fíxonos unha tarta riquísima de galletas e chocolate que nos encantou. Non quedou nada de nada. Foi tanta festa rachada que non nos quedou sitio para a merenda que traíamos da casa. Tomade nota na casa porque tedes uns grandes reposteiros. Aproveitade que chega o Nadal para cociñar con eles. Moitas felicidades Yago!!












jueves, 24 de noviembre de 2011

FÉLIX EN PARÍS


Á casa de Sofía chegou unha nova carta de Félix!! Cóntalle que agora lle escribe desde PARÍS, que xa que anda de viaxe, vai aproveitar para coñecer máis lugares do mundo. E que por fin ten unha maleta onde meter as súas cousiñas!!


Buscamos PARÍS no mapa de Europa, situámolo e escribimos o seu nome. Agora temos que empezar a investigar cousiñas sobre PARÍS, porque na súa carta Félix nos fala de torres moi altas, de barras de pan longas como paos de vasoiras, de xogos con bolas,...Oh la la!! Comeza a aventura en PARÍS!!


CASTAÑAS E OURIZOS

Xa sabemos que o Apalpador deixa aos nenos unha presa de castañas na mesa de noite para que á mañá seguinte saiban que os veu visitar e sigan todo o ano estando ben mantidos. Pero para poder repartir tantas castañas ten que apañalas primeiro nunha zona de CASTIÑEIROS e hoxe estivemos falando dos ourizos onde están metidas as castañas:
- Teñen pinchos
- Hai que ter coidado ao collelas para non pincharse
- Unha vez miña nai pinchouse collendo unha castaña porque non tivo coidado.
- Meu abuelo ábreo co pé para non pincharse e logo colle a castaña con coidado.



Pois iso, moito coidadiño ao apañar as castañas, non nos vaiamos pinchar co ourizo!!

miércoles, 23 de noviembre de 2011

XOGOS DE RODA

A semana pasada os nenos e nenas do cole de Leiro ensináronnos unha canción de roda que se chama MIGUEL, MIGUEL, MIGUEL e que nos gustou moito. Hoxe acordámonos dela e cantámola na nosa escola. Pasámolo tan ben que quixemos invitar a Mica e Parrulo a xogar tamén con nós!!


Despois escribimos o nome de Miguel na pizarra e buscámolo na letra da canción. Tíñamos que buscar un M de MARCOS e despois rodear ata chegar ao L de LUIS. Apareceron 6!!

martes, 22 de noviembre de 2011

O APALPADOR


O APALPADOR é un personaxe mítico que baixa da montaña do Courel polo Nadal para deixarlles agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles as barriguiñas para ver se están ben mantidos deixándolles, ademáis de xoguetes de madeira que el mesmo fai, unha presa de castañas.

Hoxe contamos o conto en Leiro e gustounos moito. Xa sabemos que temos que comer todo se queremos que o Apalpador nos veña visitar polo Nadal.






sábado, 19 de noviembre de 2011

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Un ano máis o Concello de Ribadumia convocou o Concurso de Postais de Nadal e nós tamén participamos. Cun montón de formas de cores que tiñamos dun xogo de ensartar, compuxemos quince estampas de Nadal. Parecía maxia como ían aparecendo combinando triángulos, círculos, cadrados e rombos, grandes e pequenos, de cores. Só tivemos que pegalas e despois darlle un toque con pintura de dedos, palillos, la e algún gomet. Mirade como nos quedaron, a ver que vos parecen.


ANIMACIÓN Á LECTURA

No cole temos un especial interese en que os nenos e nenas se acheguen á literatura facendo que esta primeira aproximación sexa o máis natural, placentera e motivadora posible. Porque estamos convencidos de que así:

-Contribuímos a mellorar a súa expresión, aumentar o seu vocabulario e ampliar a súa visión do mundo, enriquecendo o seu pensamento, a súa imaxinación, a súa creatividade,...

-Vanse achegando á lingua escrita como medio de comunicación.

-Favorecemos a expresión de sentimentos, de emocións, e situacións a través da dramatización dos contos.

-Aprenden a valorar a importancia dos libros como fonte de información.

-Fomentamos hábitos de responsabilidade, aprendemos agardar a nosa quenda, a escoitar aos demais en silencio, a compartir e coidar os libros.

-Creamos o hábito lector: coller un libro, abrilo, miralo, interpretar as súas imaxes e interesarse polo que alí está escrito.

E para mostra, aquí tedes un grupiño de lectores na nosa biblioteca de aula.




viernes, 18 de noviembre de 2011

CROCODILO


CROCODILO é o primeiro conto que estamos traballando na aula da colección de Kalandraka "do berce á lúa", composta por cinco libros escritos e ilustrados por Antonio Rubio e Óscar Villán, respectivamente. 
Se queredes saber máis, neste enlace tedes a información completa:


No cole xa sabemos contar este conto soíños. Aquí vos deixamos as personaxes:

VERDE VERDE VERDE...










OS DEDOS DA MAN

A canción que vai presentando aos dedos da man é unha das nosas favoritas. O MAIMIÑO, o seu VECIÑO, o PAI DE TODOS, o FURABOLOS e o MATAPIOLLOS van aparecendo pouco a pouco a medida que os imos chamando ata que ao final saúda toda a familia. Aínda nos custa un pouco buscar cada dedo pero cada día o facemos mellor!!

jueves, 17 de noviembre de 2011

BICOS QUE SANAN

Onte veu a mamá de Marcos a contarnos por que non viña: está enfermiño de varicela. E díxonos que Marcos lle contou como lles mandamos uns bicos moi, moi especiais aos compañeiros que están maliños para que sanen pronto e poidan volver ao cole. E que el estaba esperando a que llos mandáramos. Supoñemos que xa lle chegarían porque todos os días lle estamos mandando un montón de bicos voadores, deses que fan coxeguiñas e consiguen que un se poña moi contento e lle dan forza para curarse.

Como cando operaron a Adriana e cando voltou ao cole nos dixo que lle chegaran todos, todiños os bicos que lle mandamos.
E como Uxía nos contou que a súa mamá "ten unha pupa nunha perna", pois tamén lle mandamos moitos, moitos bicos para que lle cure pronto.

Bicos grandes e pequenos, con todo o noso cariño, para que vos poñades boíños canto antes: MMMMMMUUUUAAA!!



XOGOS E ENREDOS

Aquí vos deixamos as letras de dous xogos que estamos aprendendo e que nos gustan moito, sobre todo o do OLLIÑO PIMPILÍN. Para que as cantedes na casa tamén.



Como vedes, estivemos buscando letras e palabriñas na letra das cancións. Na do Olliño pimpilín despistounos un "O que ten un pauciño" e que agora xa sabemos que é a letra Q e que con ela podemos escribir palabras como QUEIXO. Que cousas teñen estas letras!!

miércoles, 16 de noviembre de 2011

A LONDRES CON FÉLIX

Tanto falar de LONDRES, entráronnos as ganas de ir de viaxe alá e que mellor forma que nun autobús típico londinenses, deses vermellos que teñen dous pisos. Hoxe subímonos nel e fixemos un percorrido por LONDRES cun conductor de luxo: FÉLIX.


martes, 15 de noviembre de 2011

DE PASEO POR LONDRES

FÉLIX contounos que en LONDRES vive moita, moita xente, tanta que non nos chegan os dedos de todos para contar e tivemos que escribir un número longuísimo.

Pois mentres FÉLIX andaba de paseo por LONDRES coñecendo todos os monumentos dos que nos estivo a falar a profe Janet na clase de inglés: o BIG BEN, o LONDON EYE... entroulle a fame e quixo mercar un pouco de pan. E non sabedes o que lle pasou: que cando quixo pagar cos euros que tiña na carteira, dixéronlle que alí non había euros, que empregaban unha moeda que se chama LIBRA. Vaia sorpresa!! Estivemos investigando e á primeira soubemos cal era o billete das LIBRAS porque tiña unha cara que nos resultaba coñecida. Sabedes a de quen?


XOANIÑAS E REIRREIS


Andamos no cole a aprender cancionciñas para cando atopemos unha XOANIÑA. Xa sabemos que son insectos de forma arredondada, de cor vermella e que teñen 7 puntiños negros. Neste libriño pequecho que hai na biblioteca: REIRREI, de Antón Cortizas, temos varias. Forma parte dunha colección de "libros con furadiños para enredar cos dediños", que nos están a gustar moito.


miércoles, 9 de noviembre de 2011

TRADICIÓN ORAL

Este mes de novembro ímolo adicar á TRADICIÓN ORAL. Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados, cancións, xogos,...que escoitábamos aos nosos avós cando éramos pequenos. Dende a escola queremos recuperalos para poder vivir cos nosos nenos e nenas eses momentos máxicos que se crean arredor dos recitados, as cantiguiñas,...Seguro que na casa xa vos cantaron os pequenos algunha das que estamos a aprender no cole: Este olliño pimpilín, Dedo maimiño, ...

Unha vez máis pedimos e agradecemos a vosa colaboración para que na casa axudedes aos nenos a elixir un dito, recitado, xogo ou canción e nolo enviedes escrito (acompañado dun debuxo, unha foto,...) ao cole na cartolina que vos enviamos hoxe na carpeta. Os nenos deben colaborar á hora de escribilo e ilustralo e terán que aprendelo para poder recitarllo aos compañeiros na aula. Con todos os traballos faremos un libro e cando o teñamos listo, cada familia poderá levalo a casa uns días. Xa veredes que bonito nos vai quedar entre todos!!

Na seguinte páxina podedes atopar moitos exemplos: http://www.orellapendella.org/

martes, 8 de noviembre de 2011

A RAÍÑA DE INGLATERRA E O PAZO DE BUCKINGHAM

Félix foi esta fin de semana de visita ao Pazo de Buckingham a tomar o té coa raíña de Inglaterra e mandounos unha foto dela. Quería saber se éramos quen de facerlle un retrato. E como non, convertímonos en retratistas oficiais da raíña. Non creo que teña queixa porque quedou guapísima en todos. Aquí tedes a galería.




E ademáis Félix contounos que puido ver á Garda real, que coida do pazo e da raíña. Vimos un vídeo no que facían o cambio de garda e quedamos impresionados!!



MAGOSTO E SAMAÍN 2011

Este ano a festa do Samaín estivo adicada ás BRUXAS. Xuntámonos todos os nenos e nenas do CRA de Ribadumia en Leiro e fixemos un montón de obradoiros divertidos:

- Contos de bruxas: La bruja colorea, A bruxa tola, A bruxa do dente,...


- Visionado de cancións e vídeos de bruxas: La bruja loca, Corre corre cabaciña. La brujita tapita,...


- Creación dun marcapáxinas que nos servirá para sinalar a páxina onde quedamos lendo antes de quedar a durmir.

- Xogos: a ra comecastañas e relevos en vasoiras voadoras.



Confección de disfraces, máscaras e maquillaxe, convertíndonos en bruxos e bruxas da cabeza aos pés.



A verdade é que fixo un día moi bo e puidemos merendar e xogar fóra. Moitas grazas ás familias, que colaboraron asando as castañas, facendo os postres da merenda, sacando fotos,...  Como vedes, pasámolo moi ben e foi un día moi divertido!!


Se queredes ver máis fotos do Samaín, en breve as colgaremos na GALERÍA DE FOTOS da páxina principal do CRA, no menú da dereita.