jueves, 27 de octubre de 2011

E A CULLER DE MADEIRA CONVERTIUSE NUNHA...BRUXA!!!

Logo de moito traballiño conseguimos que a nosa culler de madeira se convertira nunha bruxiña.  Hoxe levámola envoltiña para que non se mollara e para que fose "máis sorpresa". Que vos pareceu? A nós gustounos moito como quedou. Esperamos que xoguedes moito con ela na casa!




lunes, 24 de octubre de 2011

MAGDALENAS EMBRUXADAS

Cunha magdalena e algún ingrediente segredo máis, o venres pasado fixemos unha merenda embruxada de chupar os dedos. Tomade nota de como facelas por se algún día vos apetece sobremesa de bruxa na casa!!






miércoles, 19 de octubre de 2011

CULLER DE MADEIRA

Xa temos no cole as culleres de madeira que trouxemos da casa e estamos empezando a transformalas. Abracadabra, pata de cabra...!!! Aquí vos deixamos o primeiro paso de todos os que necesitamos ata conseguir o resultado final. Ide pensando que poderá ser, a ver se adiviñades.




O RÍO TÁMESIS

Félix dicía na súa carta que por LONDRES pasaba un río moi sucio. Hoxe descubrimos o nome dese río: Támesis. E quedamos preocupados porque non entendemos como as persoas poden lixar os ríos en lugar de coidalos. Nun río sucio os peixes non poden vivir, cheira mal,...Falamos de como podemos coidar moito o río Umia, que pasa pretiño do cole e das nosas casas: "cando vaia merendar vou tirar os papeis da merenda á papeleira" , "non queremos que o río estea sucio porque aos peixes chéiralles mal e non poden tapar o naris porque non teñen mans".

Tamén falamos de que para cruzar un río temos que usar unha ponte e que en LONDRES hai unha moi famosa: a Ponte da Torre, que se levanta para deixar pasar aos barcos grandes e que non tropecen con ela. Ou ben podemos cruzar nun barco. Nós hoxe imos navegar polo Támesis en barquiños de papel, que non contaminan. Alguén se anima?

martes, 18 de octubre de 2011

LA BRUJA BRUNILDA

Hoxe en Leiro tíñamos unha sorpresa: a bruxa Brunilda deixoulle á profe o seu conto para que nolo contara e ademais, tamén lle deixou o seu gorro: cunha lúa e dúas estrelas. Un gorro máxico contacontos co que descubrimos o problema que tiña Brunilda...


A casa de Brunilda era toda negra: as paredes eran negras, o tellado era negro, os mobles eran negros, a alfombra era negra,...ata o seu gato Bruno era negro! E aí é onde comezaron os problemas de Brunilda: cando Bruno quedaba a durmir no sillón, Brunilda non o vía e sentaba por riba del, cando Bruno quedaba a durmir na alfombra ou na escaleira, Brunilda non o vía, tropezaba con el e estaba todo o día levando coscorróns. Tantos problemas lle daba, que a súa variña máxica un día toleou e pintou a Bruno de tantas cores que o pobre parecía, máis que un gato, o arco da vella.

Que conto tan divertido e que ben o pasamos pintando a Bruno de cores!!! Esperamos que Brunilda volte outro día con máis aventuras.

FÉLIX EN LONDRES




Por fin chegan as primeiras novas de Félix cando Sofía recibe... unha carta dende LONDRES!!

E nós, que somos moi curiosos, estamos investigando cousiñas sobre LONDRES.

Xa aprendemos que está un pouco lonxe de Ribadumia e temos que ir en avión.

Que LONDRES é a capital de Inglaterra. Cantas letras ten a palabra Inglaterra!! Sabíades que necesitamos os dedos das dúas mans para contalas? E algunha das letras as temos nós nos nosos nomes, que curioso...

Grazas a Félix estamos a convertirnos en auténticos exploradores. Seguiremos investigando...

lunes, 17 de octubre de 2011

VASOIRAS DE BRUXA

A que non sabíades que as vasoiras se podían comer? Pero só se son vasoiras máxicas de bruxa!! Aquí tedes as fotos de como as fixemos e canto nos gustaron. Algún ata repetiu!!







E tamén vos deixamos unha mostra das nosas bruxas particulares.

                                                                                 Vestidas de negro
Grandes
                                                                                                           Coloridas

martes, 11 de octubre de 2011

FOLLIÑAS NO CHAN




Aínda que non o pareza pola calor que vai, estamos no tempo do outono e o chan vaise enchendo de folliñas secas. E nós empregámolas para facer traballiños coma este. Cando vaiades de paseo, recollede folliñas e deixádeas a secar entre as páxinas dun libro groso. Hai un montón de manualidades que podedes facer cos meniños na casa!!


COÑECENDO A FÉLIX

E así, pouquiño a pouco, imos coñecendo máis cousas de Félix e do seu libro:

Traballamos as palabras do título: identificámolas, pintámolas e colocámolas para compoñelo.

Aprendemos as letras do nome de Félix e comparámolas coas do noso.


Fixémoslle un debuxo de Félix a Sofía para que non botase tanto de menos a súa lebre de trapo.


Coñecemos un pouco máis á familia de Sofía.





Pronto teredes máis novas da nosa lebre viaxeira. Seguide atentos...!!

FÉLIX NO AEROPORTO

Félix, a lebre de trapo de Sofía, desapareceu no aeroporto á volta das vacacións. A partir do conto Cartas de Félix, comezamos no cole a falar de aeroportos, de avións,... e descubrimos que temos compañeiros expertos en viaxes aéreos: a Tenerife, a Lanzarote, a casa dos avós,...

Decidimos que cada un ía pintar o seu avión e convertirnos en pilotos. Despegamos!!!





domingo, 9 de octubre de 2011

MICA E PARRULO

O outro día estábamos na escola e oímos como chamaban ao timbre. A profe foi abrir e non había ninguén!!! Só unha maleta!!!
Non sabedes que sorpresa levamos cando a fomos a abrir e atopamos a dous novos amigos: Mica e Parrulo, que nos traían un conto moi grande cheo de historias.

Todos queríamos tocalos, darlles bicos de benvida, facernos fotos con eles,...Aquí vos deixamos algunha.

viernes, 7 de octubre de 2011

BABYRADIO

logo

Babyradio é a primeira emisora de radio online de España con contidos adicados integramente aos máis pequenos da casa (0-6 anos). O seu obxectivo é acompañar aos meniños no seu día a día, durante as 24 horas, ofrecéndolles unha programación única chea de contidos alegres, divertidos, lúdicos e educativos: xogos, contos, cancións,...

Aquí tedes o enlace. Non dubidedes en visitala e desfrutade moito escoitándoa!!

miércoles, 5 de octubre de 2011

CARTAS DE FÉLIX



Cando acabaron as vacacións, ocurriu algo terrible: Félix, a lebre de trapo de Sofía, perdeuse no aeroporto e tiveron que volver a casa moi tristes. Pero cando comenza o cole, inesperadamente Sofía recibe unha carta: é de Félix! A partir de entón Sofía recibe outras moitas cartas de Félix nas que lle conta as súas aventuras arredor do mundo describindo os lugares e a xente que coñece.

Gracias a Félix e ao conto Cartas de Félix, da autora Annette Langen, iremos coñecendo cidades como Londres, París, Roma, O Cairo,...Collede a maleta que comenza a aventura!!!

martes, 4 de octubre de 2011

CONTOS DE BRUXAS

A casiña de chocolate, A bruxa tola,...os contos de bruxas enchen o noso cole de historias: algunhas dan medo, outras dan risa,...pero todas moi divertidas.
Falando do que sabíamos sobre as bruxas, saíron cousiñas moi simpáticas. Aquí tedes algunha:

-          Son negras.
-          Son malas.
-          Convierten.
-          (Que convirten?)
-          Convierten en casas, en un tren largo muy largo,...
-          (Como?)
-          Cunha estrela que teñen nun pau, fan maxia.
-          Profe, déjame darte mi versión: un día yo vi las brujas en el país de las brujas y había muchas, también había globos...estaban de fiesta.
-          (E como visten?)
-          Con roupa negra e teñen un gorro tamén negro
-          Si, é un gorro así (fai o xesto por riba da cabeza), como unha montaña.
-          (Sabedes onde viven?)
-          No bosque.
-          Nun castelo.


 
Ata o Samaín seguiremos aprendendo cousas sobre as bruxas a través de contos, poemas, cancións, xogos,... Se tedes algún conto de bruxas ou algunha cousiña relacionada con elas que vos pareza interesante e vos apeteza compartila, podedes traela ao cole estes días.
 

Hoxe contamos o conto A bruxa tola en Leiro, aprendemos como se escribía a palabra bruxa e lle debuxamos a cariña: enfadada, contenta,...Mirade que bonitas quedaron e como algún xa se atreve a escribir as letriñas soíño!!